Friday 10 de May de 2024

Alternativa dos Veciños protexerá os espazos naturais Bergondo


Tramitaremos a figura de protección medioambiental ENIL (espazo natural de interese local) en dous lugares do noso municipio que consideramos merecentes da máxima protección que sexamos quen de proporcionarlles. Por unha parte, os bosques de Callou e o rego do mesmo nome. Espazo moi descoñecido ata fai relativamente pouco, cando dende Alternativa habilitamos a ruta do Rego Callou e esta serviu para dar a coñecer un fermoso recuncho do noso municipio.

Por outra parte, os bosques dunha parte de Lubre e a Costa de Ouces, ambos os dous cruzados polo Rego Maior. Trátase dun lugar sumamente interesante no que, por outra parte, habilitaremos unha senda que conecte o fin previsto do paseo fluvial do Río Maior (en Cambade) coa costa de Ouces e o límite con Sada. Nunha fase posterior tentaríamos acordar co concello veciño a posibilidade de conectar este espazo coas Brañas de Sada e permitir, xa que logo, pasear ininterrumpidamente nun entorno netamente natural dende Lubre ata Sada.